Declaración institucional sobre os dereitos e liberdades

O Parlamento de Galicia reafírmase na defensa da Declaración dos Defensores e Defensoras dos Dereitos Humanos aprobada hai 20 anos pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

Neste aniversario subliñamos a responsabilidade primeira dos Estados e das institucións para coa defensa dos dereitos universais e, de forma especial nesta declaración institucional, para coa garantía da vida e o exercicio desa defensa por parte daqueles e daquelas hoxe dedicados de forma explícita a esta función.

Os chamados Defensores e Defensoras dos Dereitos Humanos son igualmente Defensores e Defensoras da Vida e da Humanidade. Por iso saudamos e apoiamos mediante esta declaración o seu desempeño e compromiso nunha loita que debe ser de todas as persoas.

En consonancia coas Nacións Unidas,  este Parlamento tamén é consciente da perda de valor nos últimos anos do discurso dos dereitos humanos en detrimento doutros principios e intereses (políticos, xeoestratéxicos, económicos ou comerciais), o que nos preocupa de forma especial. E por iso:

  1. O Parlamento de Galicia reafirma o seu compromiso coa consideración dos dereitos humanos individuais e colectivos tal e como foron recollidos nos instrumentos internacionais, con especial referencia á Declaración Universal dos Dereitos Humanos neste o seu 70 aniversario, e á coñecida como Declaración de Defensores e Defensoras dos Dereitos Humanos, da que celebramos o seu 20 aniversario.

 

  1. Así mesmo, entendendo que todos e todas temos, xunto ás organizacións sociais, responsabilidade e funcións que realizar na protección e recoñecemento dos Defensores e Defensoras, facemos un especial chamado ás institucións públicas para o cumprimento de todas as súas responsabilidades nesa mesma protección.

 

  1. Rexeitamos os procesos de criminalización que se articulan, especialmente desde algúns sectores económicos e políticos, contra o labor dos defensores e defensoras. Estas persoas contan, desde as súas actuacións pacíficas e como defensoras da vida, co recoñecemento e protección deste Parlamento.

 

  1. Recoñecemos o destacado traballo realizado ata a data por diferentes programas de protección temporal de defensores e defensoras de dereitos humanos, sempre en coordinación continua entre institucións e organizacións sociais do ámbito da cooperación e a solidariedade internacional.

 

  1. Por último, o Parlamento de Galicia trasladará esta declaración institucional ao Goberno de Galicia, á Valedora do Pobo e ao Goberno de España, solicitando a estas instancias que activen, de acordo coas súas competencias, os mecanismos e procedementos necesarios para o total e libre exercicio de todos os dereitos humanos por parte dos Defensores e Defensoras en calquera país do mundo.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018

http://www.parlamentodegalicia.es/Actualidade/2648/declaracion-institucional-sobre-os-dereitos-e-liberdades/